A mostra recolle maquetas de antigas embarcacións, instrumentos de navegación, arquivos documentais e fotografías de pesca e marisqueo do século pasado.
A exposición estará aberta ao público os días 9 e 10 de febreiro e inclúe, entroutras reliquias pesqueiras, máquinas de vapor e motores en miniatura de combustión externa; cartas de navegación e cálculos náuticos; equipos dos séculos XVIII, XIX e XX, empregados para observar o sol; así como unha ampla colección de documentos entre os que se atopan manuais, libros e diarios de navegación.
A mostra contará ademais cunha recopilación de fotografías nas que aparece retratada a vida dos mariñeiros noienses a partir dos anos 50. Asemade, os visitantes poderán ver auténticas xoias como unha maqueta dun barco de 1919, do que tamén se dispoñen os roles e a real patente de navegación.
A Asociación Mar de Noia, membro da Federación Marítimo Cultural e Fluvial de Galicia, é quen cede durante estas dúas xornadas parte do seu legado cultural á Escola Naútica de Ribeira, co obxectivo de que o seu patrominio chegue a todos os rincóns da comunidade galega.
Por este motivo, dende o centro público de ensinanzas pesqueiras estanse a organizar visitas guiadas destinadas a alumnos de primaria e secundaria da comarca do Barbanza para que coñezan mellor a historia desta localidade mariñeira.
Ver Noticia Completa
|